xoves, 5 de marzo de 2015

Annuntio vobis...


Unha viaxe musical pola Europa do Renacemento co relato evanxélico da Anunciación como fío condutor.

Obras de Hassler, Praetorius, Gabrieli, Javier Díaz e Julio Domínguez.

SondeNós ven de ofrecer o seu programa navideño para 2014 por partida dobre: o sábado 27 de decembro viaxamos ata Burgos, onde cantamos na igrexa de San Nicolás; o domingo 4 de xaneiro do novo ano cantamos na igrexa parroquial de Foz (Lugo), localidade na que nos teñen en grande estima, no formato Concerto de Reis.

A selección e posterior preparación deste programa foi algo realmente especial para todos nós, mais en particular para Rocío e para min, que vimos de ser pais dunha nena á que chamamos Mariña.

Este foi o texto que ilustrou o programa de man:

SondeNós, os misterios da vida e da morte e as pedras de Venezia.
A Rocío, que leva unha vida dentro.

O pasado mes de agosto estivemos en Italia, visitamos Milano, Verona, Padova -onde cantamos na basílica de Santo Antonio- e admiramos Venezia. A auga inundaba a piazzetta cando entramos en San Marco. O templo estaba ateigado de xente, mais isto non impediu que comtemplasemos con abraio os incansables mosaicos que envolven as cúpulas de Bizancio onde, noutrora, Andrea Gabrieli fixo soar o seu Angelus ad pastores ait. Esta noite nós temos a ousadía de cantalo. Hans Leo Hassler tamén estivo en Venezia, viaxou á cidade da lagoa no ano 1584 para ampliar coñecementos con Gabrieli. Do seu catálogo escollimos o motete Dixit Maria. A impronta da Escola de Venezia tamén se fai notar no terceiro compositor "renacentista" que nos honra: o alemán Michael Praetorius. O breve, mais intenso, In natale Domini describe o instante do Nacemento de Xesús que, xunto ós relatos da Anunciación -con Dixit Maria-, a Visitación -con tres Ave Maria, entre os que destacamos o do noso compañeiro Javier Díaz- e o Xúbilo de anxos e pastores, tomamos do Evanxeo de Lucas.
Na segunda parte desta estampa fixemos unha selección do noso repertorio viaxeiro - Grecia, Nova Zelandia e Italia- que completamos cunha obra vasca e outra galega. Para Verona preparamos A time for us, o tema de amor do filme Romeo e Xulieta de Franco Zeffirelli, e en Verona soubemos que o avó Perfecto nos deixara para sempre. Senza fine honra a súa memoria: Tu per me sei luna e stelle, tu per me sei sole e cielo...

A profesora e amiga Teresa López acompañounos unha vez máis como lectora. E unha vez máis aportou á nosa música un toque de sensibilidade coa súa palabra, amais dun inesperado momento de emoción.

Grazas a todos/as.

SondeNós. Dítico-Postal Nadal 2014- Exterior.
SondeNós. Dítico-Postal Nadal 2014- Interior.
SondeNós. Un momento do concerto en San Nicolás (Burgos),
co impresionante retablo pétreo ó fondo,
en decembro de 2014.
SondeNós. Un momento do Concerto de Reis
na igrexa parroquial de Foz (Lugo),
en xaneiro de 2015.



Ningún comentario:

Publicar un comentario