luns, 1 de setembro de 2014

No caminho da língua: concertos Modelo Burela 2013 e 2014

Foi unha verdadeira honra poder realizar estes concertos con SondeNós no marco do proxecto educativo Modelo Burela que dirixe o meu querido mestre Bernardo Penabade. Grazas de corazón a el e a Dolores por ofrecernos o seu apoio incondicional e todo o demáis que é moito.

O sábado 4 de maio de 2013 cantamos en Burela, na fermosa igrexa de Vila do Medio; o sábado 10 de maio de 2014 celebramos esta festa de música e lingua, pola mañá, na igrexa compostelana de San Domingos de Bonaval, sede do Panteón de Galegos Ilustres e, pola tarde, no auditorio da Casa da Matanza, en Padrón; o domingo 22 de xuño de 2014 volvimos a Burela, de novo á igrexa de Vila do Medio, onde ofrecimos a réplica da inesquecible xornada do 10 de maio.

As colaboracións, por unha banda, do escritor e amigo Séchu Sende e, pola outra, da profesora Teresa López, foron a guinda do pastel. Fixen unha harmonización da melodía que L. E. Batallán compuxo para os versos de Manuel Curros Enríquez Aquí vén o maio... deixando catro pulsos de espera entre cada verso para que Séchu os enchera coa súa sensibilidade. A adaptación de Negra sombra, sempre desde o respecto, consistiu en alternar a intimísima melodía de Montes coa declamación dalgúns dos versos por parte de Teresa, con dozura e con personalidade. En Quando eu sonho tódalas notas son miñas. Lembro que Séchu nos pillou ensaiándoa no local de San Pedro, en Compostela.


No caminho da língua. Santiago e Padrón(10 de maio de 2014). Cartaz.

No caminho da língua. Santiago e Padrón(10 de maio de 2014). Tríptico interior.

No camiño da lingua. Burela(22 de xuño de 2014). Cartaz.

No camiño da lingua. Burela(22 de xuño de 2014). Tríptico exterior.

No camiño da lingua. Burela(22 de xuño de 2014). Tríptico interior.

O maio + Falarás a nossa língua. SondeNós con Séchu Sende
en San Domingos de Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres,
o 10 de maio de 2014. Estrea da obra.

Quando eu sonho.
Texto de Séchu Sende e música de Plácido Travieso.
SondeNós no auditorio da Casa da Matanza,
en Padrón, o 10 de maio de 2014.
2ª Estrea da obra.






xoves, 24 de xullo de 2014

SondeNós, Grupo Vocal. Memoria 2013-2014.

Nesta nova publicación resumo a aventura do grupo SondeNós no seu segundo ano de actividade. Cantamos en Cervo, Viveiro, O Vicedo e Burela; viaxamos a Ribadavia e a Betanzos; unha nova edición do concerto No camiño da lingua levounos a Santiago e a Padrón(na cuarta publicación deste espazo falarei un pouco máis polo miúdo deste triple concerto); fóra de Galiza estivemos en Laguardia(Álava), onde cantamos para a Asociación de Amigos del Museo desta localidade, e non podo conter a emoción ó anunciar a nosa segunda viaxe a Italia no vindeiro mes de agosto: voaremos a Milano para visitar Verona, Padova e por fin... Venezia(esta aventura merece unha publicación tamén aparte).

Cervo(Lugo). Casa da Cultura de San Cibrao.
Inauguración da exposición fotográfica Anxos, demos e outros retratos "divinos de la muerte",
de Isidro Cea, 8-11-2013.
Ribadavia(Ourense). Igrexa de San Francisco.
Xunto á Capela Madrigalista de Ourense(dir. Julio Domínguez) e
o Coro de Cámara Canta Compaña(dir. Julia Cea), 15-12-2013.
O Vicedo(Lugo). Igrexa de Santo Estevo.
Convidados pola Asociación Orde Templaria, 29-12-2013.
Viveiro(Lugo). Igrexa das Concepcionistas.
Concerto Entre nós, xunto ó Coro de Cámara de Viveiro(dir. Javier Fajardo), 30-12-2014.
Laguardia(Álava). Igrexa de San Juan Bautista.
Concerto Arimaren kantak... eta bihotxaren(Cantares da alma... e do corazón), 29-03-2014.
Betanzos(A Coruña). Igrexa de Santiago.
Concerto Cantares da alma... e do corazón, 14-04-2014.
Santiago de Compostela(A Coruña)- Padrón(A Coruña)- Burela(Lugo).
San Domingos de Bonaval- Casa da Matanza- Igrexa de Vila do Medio.
Triple concerto No camiño da lingua(2ª edición),
10-05-2014 en Santiago e Padrón/ 22-06-2014 en Burela.
e...
Padova(Italia). Messa nella Basilica di San Antonio, 16-08-2014.
Viaggio musicale del Nord Italia in agosto 2014. Milano, Verona, Padova e Venezia.
Musica itinerante, 11-18 de agosto de 2014.

Cervo(Burela). Exposición fotográfica de Isidro Cea(cartaz), 8-11-2013.

O Vicedo(Lugo). Igrexa de Santo Estevo, 29-12-2013.

Viveiro(Lugo). Concerto Entre nós(tríptico exterior), 30-12-2013.
Viveiro(Lugo). Concerto Entre nós(tríptico interior), 30-12-2013.












venres, 18 de xullo de 2014

Viaxe a Italia con SondeNós, en agosto de 2013. Tres impresións.

A proximidade dunha segunda viaxe a Italia con SondeNós, no vindeiro mes de agosto, mais desta volta ó norte, onde por fin coñecerei Venezia, faime lembrar o verán pasado, cando visitamos a Toscana. Copio o texto que escribín á volta daquela inesquecible aventura.


Viaxe a Italia con SondeNós(22-29 de agosto de 2013).
(Quixen anotar tres impresións da marabillosa viaxe á Toscana cos compañeiros/as do Grupo Vocal, en agosto de 2013, antes de que o tempo me pase factura).

25 de agosto. Cortona.
Chegamos a Cortona ó mediodía e dirixímonos ó Santuario di Santa Margherita. O convento dos franciscanos estaba xusto detrás da igrexa, chamamos ó timbre e a porta abriuse. Sen tempo de presentarnos sentimos "avanti, avanti", era o irmán Adriano, que falaba desde o fondo do corredor, no primeiro andar do edificio, onde estaba a cociña e o refectorio, e tamén a sala que nos prestaron para ensaiar. Penso que ningún de nós esquecerá a silueta do frade braceando diante dun sol cegador. O xantar estaba a punto: pasta con pomodoro e polo ó forno con patacas. Marabilloso! O chianti, da colleita familiar do propio Adriano. Logo veu Francesco -con ese nome só podía ser o prior- interesándose polos cantos que tiñamos preparados para a nosa participación na misa. Vexilla Regis foi todo un acerto. Era a Festa del Crocifisso do ano mil "che ha parlato a Santa Margherita", de corpo presente ó pé do altar. O café viña acompañado dunha bebida espiritosa que endexamáis saberemos o que era e que unicamente probou Santi. "So unha ó día", dixo Adriano. Despois da proba acústica, onde decidín intercambiar os baixos coa soprano, descansamos un pouco. O ensaio intenso, moi intenso. Julia díxome que debería ser sempre así e eu díxenlle que así gastaba moito o corazón e ela díxome que para que o quería entón. A igrexa era fermosa e moi grande, perdimos timbre pero houbo momentos verdadeiramente máxicos. "Una canzone italiana", dixen, e cantamos Com'è triste Venezia. Con Il mondo achegouse unha expontánea, de pelo gris como Julia: "la mia canzone preferita", "come ci siete arrivati qui?".
"Com'è triste Venezia, che felice Cortona", dixo Adriano. O público en pé.

26 de agosto. Siena.
Siena é unha cidade fermosísima. Ó solpor paseabamos por unha das rúas próximas á Piazza del Campo e atopamos o Palazzo Chigi Saracini, sede da mundialmente coñecida Academia Musicale Chigiana, fundada no ano 1932, na que estudou xente como Daniel Barenboim, Zubin Mehta, Plácido Domingo, Joaquín Achúcarro ou o meu querido profesor Ricardo Requejo. O Palazzo non estaba aberto ó público pero podíase acceder a un patio interior, con pozo e bóvedas polícromas, rebasando un amplo portal envolto en pedra. O fluír de xente era constante. "Cantamos?", dixo Julia, e cantamos Kyrie de Marty Haugen. Ó rematar xireime porque sentín aplausos e un home alto con familia díxome "bis, bis". Fixemos as dúas pezas italianas e Nera izango zen. Unha muller que resultou ser exalumna de Achúcarro "per due anni" na propia Academia Chigiana preguntoume se eramos cantantes profesionais e se andabamos de xira por Italia. Díxome que entrara atraída polo que interpretou como un disco soando no interior do "tempio del senese musica clasica". Díxome que en Italia non se levaba o estilo a cappella, que os grupos vocais acostumaban a cantar acompañados por instrumentos. "E veramente belo. Complimenti". "Grazie", dixen eu. Esa noite cantamos para unhas vintecinco ou trinta persoas que nos gravaron e fotografaron, pero sobre todo nos escoitaron.

27 de agosto. Siena.
Ó día seguinte volvimos. Ningún de nós esqueceu o caderno de peto que dei en chamar "Música ambulante". Tratábase dunha sorte de chuleta onde anotei os textos que algúns de nós non tiñamos memorizados. De camiño medraba a expectación -a nosa, refírome- mais ó chegar á porta da Academia... a competencia! Un cuarteto que pola fala supuxemos alemán estaba gravando as súas improvisacións atonais. Ninguén se paraba a escoitalos. Decidimos agardar á porta e Txemi foi buscar un xeado. Rocío sentou no banco de pedra e eu con ela. Cando estabamos a piques de marchar, marcharon tamén eles e entramos. Un rapaz preguntoulle a Julia se había algún concerto "in questa sera" e ela díxolle que non o sabía. Ó momento comezamos a cantar. Amor mío xuntou a cinco ou seis visitantes, mais non houbo aplausos. Seguimos coas italianas e ó virarme... xente sentada, fotos, móbiles gravando... caras de aceptación. Ó cantar Alalá de Noia fixeime nunha ragazza que levaba as mans á cabeza: "igual o seu país está lonxe, coma o meu", pensei. Algunhas persoas buscaban un lugar desde onde vernos mellor. Buscaban a nosa mirada. Non o esquecerei. Do mar pola orela e On suuri sun rantas desprenderon realmente unha ovación. El sitio de mi recreo tamén. Foi a última de doce. Todos nos emocionamos, seino. Javier chiscoume un ollo despois de Si la nieve resbala. Unha muller achegouse claramente conmovida. Díxonos que era senesa, que había moitos anos que non escoitaba algo así en Siena. "Complimenti". Preguntounos o nome a un por un. Txemi díxolle que el se chamaba Giuseppe. Un alemán con familia dirixiuse a min en castelán: "buenas tardes, ¿de dónde son ustedes?", "¿de qué parte de España?", "¡ah, de la Galizia!". Sacou un caderno pedíndome os datos do grupo e Santi salvoume entregándolle unha tarxeta vistaprint. Díxonos que o seu fillo estudaba canto en Alemaña e que estaban encantados de ternos escoitado. Sentiron que non estivesemos realmente de xira por Italia. Tirounos dúas fotos pero saíron movidas. Esa noite cantamos para unhas corenta persoas que nos gravaron e fotografaron, pero sobre todo nos escoitaron. Non o esquecerei. Grazas a todos/as.



Plácido, 12 de setembro de 2013.


Cortona(Italia), 25-08-2013(cartaz).

SondeNós na Fonte Gaia, en Siena, en agosto de 2013.




xoves, 17 de xullo de 2014

SondeNós, Grupo Vocal. Memoria 2012-2013.

Inauguro este espazo cunha breve memoria do traballo realizado co Grupo Vocal SondeNós, que teño a honra de dirixir, no seu primeiro ano de actividade: 2012-2013. Catro concertos entre Galiza e Asturias e unha entrañable viaxe estival á Toscana italiana, do 22 ó 29 de agosto de 2013, con actuacións en Cortona e Siena. Adxunto detalle dos programas de man onde queda constancia da nosa aventura.

O Vicedo(Lugo), 30-12-2012.
Foz(Lugo). Basílica de San Martiño, 27-03-2013.
Burela(Lugo). No camiño da lingua, 4-05-2013.
Teverga(Asturias). Colexiata prerrománica, 22-06-2013.
Cortona(Italia). Santuario di Santa Margherita, 25-08-2013.

O Vicedo(Lugo), 30-12-2012.
Burela(Lugo). No camiño da lingua(tríptico exterior), 4-05-2013.
Burela(Lugo). No camiño da lingua(tríptico interior), 4-05-2013.