domingo, 17 de maio de 2015

Premios Pérez Parallé e Manuel Murguía

O sábado 9 do presente mes de maio estivemos en Fene (A Coruña), ofrecendo a nosa música na gala de presentación da obra premiada na XXVII edición do Premio Nacional de Poesía "Xosemaría Pérez Parallé". Tratábase do poemario "Ruído de trens" de Eduard Velasco. O acto tivo lugar no Círculo Mercantil e Industrial desta localidade coruñesa, entidade organizadora do certame.

Premio "Pérez Parallé". Trítico da XXVII convocatoria.
Xosemaría Pérez Parallé (1909-1987)


O xoves 14, tamén de maio, do mes das letras, desprazámonos ata Arteixo (A Coruña) e alí cantamos na gala de entrega do XXIV Premio de Narracións Breves "Manuel Murguía". Este premio convócao o Concello de Arteixo.

Premio "Manuel Murguía".
Manuel Murguía (1833-1923)


Na nosa intervención fixemos música galega e máis cousas, mais a día de hoxe e con motivo de celebración do Día das Letras, soamente apunto o programa en galego:


Parte I

Curros Enríquez & Séchu Sende
O maio + Falarás a nossa língua
Textos de Manuel Curros Enríquez(1851-1908) e Séchu Sende(n.1972)
Música de L. E. Batallán(n. 1948) e arranxo coral de Plácido Travieso(n. 1972)
Voz de Teresa López
Mistura entre os versos de Curros musicados por Batallán e o poema Falarás a nossa língua que o escritor Séchu Sende dedicou a unha das súas fillas.

Curros Enríquez
Do mar pola orela
Texto de Manuel Curros Enríquez(1851-1908)
Música de L. E. Batallán(n. 1948) e arranxo coral de Plácido Travieso(n. 1972) sobre partitura de Julio Domínguez(n. 1965)
Versión para coro da coñecida melodía de Batallán sobre o poema que Curros escribe á morte Rosalía, coa que SondeNós agasalla a Séchu Sende no lanzamento en Viveiro da súa Viagem ao Curdistám, en xaneiro de 2013.

Rosalía
Negra sombra
Texto de Rosalía de Castro(1836-1885)
Música de Xoán Montes Capón(1840-1899) e adaptación de Plácido Travieso(n. 1972)
Voz de Teresa López
Adaptación desde o respecto da intimísima obra de Montes coa intención posta na declamación dos versos rosalianos.

Séchu Sende
Quando eu sonho
Texto de Séchu Sende(n. 1972)
Música de Plácido Travieso(n. 1972)
Obra escrita para a segunda edición do concerto No camiño da lingua, celebrado o 10 de maio de 2014 no Panteón de Galegos Ilustres e máis na Casa da Matanza.

SondeNós con Teresa López en Fene (A Coruña),
na gala de presentación da obra premiada na XXVII
edición do Premio de Poesía "Xosemaría Pérez Parallé",
o 9 de maio de 2015.
SondeNós en Arteixo (A Coruña),
na gala de entrega do Premio "Manuel Murguía" na súa
XXIV edición, o 14 de maio de 2015.
Momento da interpretación da obra "Quando eu sonho",
con texto de Séchu Sende e música de Plácido Travieso.



venres, 15 de maio de 2015

In Officium Hebdomadae Sanctae: Triduum Sacrum

Concerto na basílica románica de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

O domingo 29 de marzo de 2015 visitamos a basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz (Lugo), concello onde nos teñen grande aprezo, xa o comentei noutra ocasión. A verdade é que en San Martiño xa estiveramos en 2013, tamén na Semana Santa, formando parte da programación cultural da Semana de Música "Xosé Alonso". Un pracer.

Desta volta pedíronnos acompañar na misa do Domingo de Ramos e facer logo un pequeno concerto. Preparamos sete pezas que agrupamos en catro bloques: Ierusalem, Urbe Sancta; In Officium Hebdomadae Sanctae: Triduum Sacrum; Mater Dei, Memento Mei e Oratio Nostra.

A adaptación da sentida melodía de Naomi Schemer (1930-2004), Y'rushalayim Shel Zahav, que recollín do filme A lista de Schindler serviunos para rachar o xeo. O Triduum Sacrum estivo representado por dous motetes de Jouzas Naujalis (1869-1934) que xa tiñamos cantado antes, e mais por O vos omnes de T. L. de Victoria (1548-1616). O noso primeiro Victoria!. No grupo Mater Dei, Memento Mei fixemos unha peza miña, Stabat Mater Dolorosa, e outra de Javier, Ave María. A antiga oración inglesa God Be in My Head, musicada por Paul Leddington Wright (n. 1993) pechou o ciclo.

Estou contento con este programa, de feito, propúxenlle ó Grupo a total memorización das obras coa fin de repetilo integramente para o vindeiro ano, se alguén nos convida a facelo. Penso que funciona.


Concerto en San Martiño (Foz- Lugo), o 29 de marzo de 2015.
Trítico exterior.

Concerto en San Martiño (Foz- Lugo), o 29 de marzo de 2015.
Trítico interior.

SondeNós na basílica románica de San Martiño de Mondoñedo,
en Foz (Lugo), o 29 de marzo de 2015.