xoves, 5 de marzo de 2015

Annuntio vobis...


Unha viaxe musical pola Europa do Renacemento co relato evanxélico da Anunciación como fío condutor.

Obras de Hassler, Praetorius, Gabrieli, Javier Díaz e Julio Domínguez.

SondeNós ven de ofrecer o seu programa navideño para 2014 por partida dobre: o sábado 27 de decembro viaxamos ata Burgos, onde cantamos na igrexa de San Nicolás; o domingo 4 de xaneiro do novo ano cantamos na igrexa parroquial de Foz (Lugo), localidade na que nos teñen en grande estima, no formato Concerto de Reis.

A selección e posterior preparación deste programa foi algo realmente especial para todos nós, mais en particular para Rocío e para min, que vimos de ser pais dunha nena á que chamamos Mariña.

Este foi o texto que ilustrou o programa de man:

SondeNós, os misterios da vida e da morte e as pedras de Venezia.
A Rocío, que leva unha vida dentro.

O pasado mes de agosto estivemos en Italia, visitamos Milano, Verona, Padova -onde cantamos na basílica de Santo Antonio- e admiramos Venezia. A auga inundaba a piazzetta cando entramos en San Marco. O templo estaba ateigado de xente, mais isto non impediu que comtemplasemos con abraio os incansables mosaicos que envolven as cúpulas de Bizancio onde, noutrora, Andrea Gabrieli fixo soar o seu Angelus ad pastores ait. Esta noite nós temos a ousadía de cantalo. Hans Leo Hassler tamén estivo en Venezia, viaxou á cidade da lagoa no ano 1584 para ampliar coñecementos con Gabrieli. Do seu catálogo escollimos o motete Dixit Maria. A impronta da Escola de Venezia tamén se fai notar no terceiro compositor "renacentista" que nos honra: o alemán Michael Praetorius. O breve, mais intenso, In natale Domini describe o instante do Nacemento de Xesús que, xunto ós relatos da Anunciación -con Dixit Maria-, a Visitación -con tres Ave Maria, entre os que destacamos o do noso compañeiro Javier Díaz- e o Xúbilo de anxos e pastores, tomamos do Evanxeo de Lucas.
Na segunda parte desta estampa fixemos unha selección do noso repertorio viaxeiro - Grecia, Nova Zelandia e Italia- que completamos cunha obra vasca e outra galega. Para Verona preparamos A time for us, o tema de amor do filme Romeo e Xulieta de Franco Zeffirelli, e en Verona soubemos que o avó Perfecto nos deixara para sempre. Senza fine honra a súa memoria: Tu per me sei luna e stelle, tu per me sei sole e cielo...

A profesora e amiga Teresa López acompañounos unha vez máis como lectora. E unha vez máis aportou á nosa música un toque de sensibilidade coa súa palabra, amais dun inesperado momento de emoción.

Grazas a todos/as.

SondeNós. Dítico-Postal Nadal 2014- Exterior.
SondeNós. Dítico-Postal Nadal 2014- Interior.
SondeNós. Un momento do concerto en San Nicolás (Burgos),
co impresionante retablo pétreo ó fondo,
en decembro de 2014.
SondeNós. Un momento do Concerto de Reis
na igrexa parroquial de Foz (Lugo),
en xaneiro de 2015.



mércores, 4 de marzo de 2015

Viaxe a Italia con SondeNós, en agosto de 2014.

Viaggio musicale del Nord Italia in agosto 2014: Milano, Verona, Padova e Venezia.


Este foi o texto co que presentamos a nosa segunda visita á fermosa Italia:


Como Charles Burney, Johann W. Goethe ou o mesmísimo Felix Mendelssohn-Bartholdy, mais nesta ocasión seguindo os pasos de Claudio Monteverdi e de Il prete rosso, o grupo SondeNós viaxa novamente a Italia por hedonismo puro. O verán pasado foi á Toscana: Firenze, Cortona, Siena e Pisa; desta volta ó norte: Milano, Verona, Padova e Venezia. Arquitectura e arte, paisaxe e gastronomía... e a cambio a música. SondeNós ofrece o seu programa con il cuore nello stomaco a quen, con benevolencia, desexe compartilo.

O sábado 16 de agosto cantamos en Padova, na Basílica de Santo Antonio, e fomos moi ben recibidos:
Grazie alla comunità francescana di Padova la nostra partecipazione alla messa il sabato, 16 agosto, alle hore 18, nella basilica di San Antonio.


SondeNós no claustro da Basílica de Santo Antonio de Padova,
o pasado verán, con irmán Julio

Deseñamos un programa en tres bloques que chamamos Lettera di musica itinerante. Levamos música do mundo (como é habitual nas nosas intervencións): Inghilterra, Israele, Macedonia, Grecia, Nuova Zelanda, Asturias e Paesi Baschi; tres obras galegas, dúas delas escritas para a segunda edición do concerto No caminho da língua: O maio, Do mar pola orela e Quando eu sonho; e unha selección de Corale pop di Italia e Spagna: Charles Aznavour, Lucio Dalla, Jimmy Fontana, Laura Pausini, Rosana e Antonio Vega. Lembro ademais cun agarimo especial a preparación de A time for us, o tema de amor do filme Romeo e Giulietta de Franco Zeffirelli, composto por Nino Rota.


SondeNós en Venezia o pasado verán,
diante da Ponte dei Sospiri